Dentro do obradoiro de tradición oral seguimos a recompilar refráns, ditos, adiviñas e cantigas. Este ano propuxémonos elaborar o Refraneiro da Ulloa contando coa colaboración das familias na aportación de refráns e ilustracións por parte dos nenos.
A actividade consistía en que cada familia aportase un ou varios refráns relacionados coas distintas festas, tradicións, festas do ano e labores agrícolas.
Desde o equipo de dinamización consideramos que descubrir o refraneiro supón descubrir moitos dos nosos saberes. Cada vez que empregamos un refrán, para rebater, para consolar ou para informar estamos empregando unha técnica oral sustentada por toda unha comunidade que coñece a expresión e contido e vaina transmitindo de xeración en xeración.
Tratar de recuperar un elemento tan importante da cultura da nosa comarca da Ulloa é un proceso de investigación que deixamos aberto para continuar investigando en cursos vindeiros.
Fixemos unha recollida xeitosa dos mesmos que expoñeremos no corredor principal do colexio durante o mes de xuño.
Foi unha experiencia colectiva que pensamos seguir fomentando para logo publicar e achegar o refraneiro da Ulloa a todas as familias da comunidade educativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario