Da man de contacontos, magos e diversos talleres tentaremos achegar a todos os alumnos do CEIP a aficción pola lectura, pola nosa cultura e a recuperación das nosas tradicións.
mércores, 7 de setembro de 2011
CURSO 2011-2012
Benvidos ao novo curso académico que agardamos sexa de moito proveito para toda a comunidade educativa do centro. Desde o novo equipo de normalización e dinamización lingüística seguimos coa ilusión de realizar unha morea de actividades e obradoiros para dinamizar a nosa lingua e para investigar no noso refraneiro durante todo o curso académico.
xoves, 23 de xuño de 2011
FACEMOS UN TRAMO DO CAMIÑO DE SANTIAGO
Un ano máis e como xornada de convivencia para toda a comunidade educativa do C.E.I.P Monterroso continuamos co Camiño de Santiago, realizando entre todos un novo tramo de Palas de Rei ata a área recreativa de Furelos (Melide).Unha xornada chea de cansanzo pero moi alentadora para todos os alumnos e alumnas, profesorado e persoal de comedor, que seguindo a iniciativa desde o ano anterior levamos a cabo para lembrar a tradición xacobea palpando a natureza e o sentir do camiño.
martes, 14 de xuño de 2011
OBRADOIRO DE TRADICIÓN ORAL: REFRANEIRO DA ULLOA
Dentro do obradoiro de tradición oral seguimos a recompilar refráns, ditos, adiviñas e cantigas. Este ano propuxémonos elaborar o Refraneiro da Ulloa contando coa colaboración das familias na aportación de refráns e ilustracións por parte dos nenos.
A actividade consistía en que cada familia aportase un ou varios refráns relacionados coas distintas festas, tradicións, festas do ano e labores agrícolas.
Desde o equipo de dinamización consideramos que descubrir o refraneiro supón descubrir moitos dos nosos saberes. Cada vez que empregamos un refrán, para rebater, para consolar ou para informar estamos empregando unha técnica oral sustentada por toda unha comunidade que coñece a expresión e contido e vaina transmitindo de xeración en xeración.
Tratar de recuperar un elemento tan importante da cultura da nosa comarca da Ulloa é un proceso de investigación que deixamos aberto para continuar investigando en cursos vindeiros.
Fixemos unha recollida xeitosa dos mesmos que expoñeremos no corredor principal do colexio durante o mes de xuño.
Foi unha experiencia colectiva que pensamos seguir fomentando para logo publicar e achegar o refraneiro da Ulloa a todas as familias da comunidade educativa.
venres, 27 de maio de 2011
OBRADOIRO ETNOGRÁFICO DA MÚSICA TRADICIONAL
Da man do musicólogo Marías de Ortigueira fixemos un recorrido por todos os instrumentos da música tradicional, o día 25 de maio. Cunha xenerosa exposición de instrumentos musicais de vento, percusión, vento-metal e os máis variopintos da nosa cultura tradicional, todos os alumnos do centro puideron velos, tocalos e disfrutar deste fermoso momento co obxectivo de coñecelos e introducilos no mundo da música, a través da interpretación didáctica de distintas pezas musicais.
ACTUACIÓN TÍTERES TRES GLOBOS
Unha actividade que tivo moito éxito entre os escolares foi a actuación de títeres Tres Globos coa obra titulada Pedro e o lobo. En tres sesións durante a maña do 24 de maio, os alumnos disfrutaron dunha xornada divertida onde as gargalladas invadían a sala multiusos do centro.
mércores, 25 de maio de 2011
SEMANA DAS LETRAS GALEGAS
A semana das Letras Galegas celebrámola cunha morea de actividades, adicadas ao poeta monfortino Lois Pereiro. Quixemos achegar a súa obra e a súa vida, a súa poesía impregnada de sinceridade, dor e amor a carón de diversos actos: exposición de paneis informativos no corredor principal. Fixemos un gran mural alusivo a Lois Pereiro.
mércores, 27 de abril de 2011
23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)